Frío, modelos e neve

Máis cedo que tarde como cada ano chegan os fríos. Se ben é moi certo, este inverno tardou en chegar o frío (falaremos outro día dos porqués), todo apunta a que a semana que vén será excepcional no conxunto do país.

Malia que todo semella tranquilo hoxe venres, mañá cara a noite chegarán abundantes precipitacións dunha fronte que leva días percorrendo o Atlántico desde latitudes superiores á nosa.

Modelo Europeo

Modelo americano

A simple vista, ollamos unha situación normal. Cómpre que nos vaiamos a outro tipo de mapa preditivo dos modelos.

Antes de nada, indicar que aínda que hai máis, eu “traballo” sempre con dous. Por unha banda, o modelo americano (GFS) e por outra o modelo europeo (ECMWF). Cal é o máis acertado? Pódese confiar máis nun que noutro? Pois depende un pouco das situacións. Mais, que é un modelo de predicción metereolóxico? Pois en pouca palabras e para non lialo moito, é unha predicción matemática que estuda a evolución das masas de aire en situacións idénticas á presente xa ocorridas no pasado e polo tanto en base a iso, identifican o que “sucederá” nas vindeiras horas. Canto máis próxima sexa a predición, mellor porcentaxe de acerto hai. Son infalibles? Para nada, pero cada ano melloran pois teñen máis datos avaliables. Chegarán a ser exactos? Pois moito me temo que non, porque o clima está en constante mudanza.

Volvendo ao rego, que din estes dous modelos?

Modelo americano (aire frío verde)
Modelo europeo (aire frío verde a azul)

Pois que tras as chuvias entrará o aire frío. Como será de frío? Pois ten pinta de que pola cercanía do evento, o aire polar golpeará forte sobre todo na zona norte de Galiza. Primeiramente durante o domingo, para volver con moita máis intensidade desde a terza feira, até a sexta. Aparentemente será nos primeiros deste días cando golpeará con máis forza.

Ámbolos dous introducen unha temperatura moi baixa que roldará os -4ºC a 850 Hpa (que é aproximadamente a algo menos de 1500msnm), e entre -33ºC a -36ºC a 500 Hpa (que son uns 5600msnm). Quere dicir isto que son esas as temperaturas que habemos atopar? Nos mundos de que todo é exacto, si, no noso Mundo, non. Múltiples factores poderán influír en que sexan máis ou menos elevadas as temperaturas, nos que non me vou meter -hoxe-.

Así pois, até onde poderá nevar esta próxima semana como cota máis baixa? Pois agora mesmo e considerando o momento de máis intensidade de frío e que nese intre haxa precipitación a cota mínima fai que se poida ver neve na propia costa galega. Tendes a maneira de calcular (de xeito aproximado) introducindo os datos correctos nesta ligazón https://meteosat.com/nieve/

A predición de neve que fan os modelos é moi distinta…

Modelo europeo
Modelo americano

Se me tivera que mollar? Sempre chegan as rebaixas, polo que agardar un escenario no que a neve non toque a costa é mellor polas posibles frustracións. Os datos indican porén que é probable que disfrutemos da neve en lugares non habituais. Falamos nuns días… e intentaremos explicar por que ocorreu como sucedeu.

Sorte e isto si, sen dúbida, abrigádevos desde mañá á noite.

@IDavinha

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *