Inversión térmica, frío irregular

Hoxe veño falar un chisquiño do fenómeno coñecido coma ‘inversión térmica’. Por describir o que sucede nestas situación e por limitalo a un tema térmico, este evento acontece cando a medida que ascendemos en altura, a temperatura é máis elevada e polo tanto co noso descenso de altitude, o mercurio baixa.

Onde sucede? Pois podémolo atopar en calquera puntos do país, mais de xeito moito máis acusado, nos vales interiores. O Val do Támega, o Val da Limia, o Miño, o Sil… Simplemente a existencia de diferencias topográficas nun terreo próximo, pode dar lugar a diferenzas moi importantes nos ºC.

https://pt-pt.topographic-map.com/
Tªs mínimas de hoxe 31/01/23

Ollando a imaxe anterior, se cadra é mellor analizarmos cun mapa topográfico de Galiza. Como comprobades, os picos máis elevados (Ancares, Courel, Macizo Central…) malia ter mínimas frías, estas foron bastante máis “cálidas” que outros lugares moito máis baixos. A particularidade de Calvos de Randín (dá para un episodio propio) non debe de considerarse única. De seguro, noutros núcleos do interior poden ocorrer situacións semellantes.

Por que se produce este fenómeno? Pois é un tema meramente físico. Reducido ao absurdo o aire frío é máis denso que o quente (non é que pesen diferente) e polo tanto, queda ancorado nos puntos baixos dun territorio. Isto, vese aumentado -en frío- ao estarmos nun val e o aire frío -máis denso, repito- unha vez arrefría, baixa polas ladeiras acumulando así máis no fondo. Como é un tema que está relacionado co frío, é normal que sobre todo sexa notorio nos meses de inverno, aínda tamén sucede no verán en menor intensidade, mais por riba de todo, en situacións anticiclónicas como as que temos estes días (non hai nubes que reteñas ningún tipo de calor).

Aplicacións en calquera recuncho do país? E mesmo nas cidades! Vigo e A Coruña. Realidades diferentes. Acudide mañá na Coruña primeira hora a Someso ou Elviña, e ao tempo comprobade as temperaturas en Penamoa. En Vigo, reparade na Madroa e paseade polo Lagares. Notaredes diferenzas (máis ou menos intensas)

E unha das principais maneiras de observar a simple vista isto? Moi doado, as néboas que se forman

Nos Canóns do Sil. O aire frío queda retido formando estas imaxes.

Así e todo, esta situación pasaxeira, semella que aguantará uns días máis connosco. O frío en altura retírase, e será opción de ver aínda máis constrastes. Pola segunda semana de febreiro, muda o panorama, mais aínda está por ver todo.

@Idavinha

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario